Andaina por un ensino público de calidade. MANIFESTO
Queremos dar as grazas a toda a xente que hoxe acudiu á “Andaina por un ensino público de calidade”.
Foi un éxito de participación: calculamos que trescentas persoas camiñamos xuntas hoxe dende Santa Cristina ata o CEIP Valle Inclán para denunciar a falta de docentes no noso colexio e reclamar un ensino público de calidade.
Asistiron familias e profesorado do CEIP Valle Inclán, integrantes doutras ANPAs dos colexios de Oleiros, representantes do Concello de Oleiros, membros de varios partidos políticos, coma BNG e PSOE, e moitos veciños e veciñas, tamén chegados doutras parroquias, para apoiar as nosas reivindicacións.
A cativada participou con moita ilusión nesta xornada de protesta. Ó final da andaina leuse un manifesto que podedes consultar premendo AQUÍ.
Queremos agradecer expresamente o enorme e inequívoco apoio que, coma sempre, o Concello de Oleiros amosa no referente ás nosas demandas e mobilizacións.
As familias seguimos loitando por unha escola pública inclusiva e un ensino público de calidade!!
Xunta Directiva ANPA Valle Inclán