Falta de profesorado no CEIP Ramón María del Valle Inclán
Estimadas familias,
Tras remitir un escrito por rexistro á Inspección Educativa o día 19 de setembro explicando a grave situación de falta de profesorado no noso centro, a ANPA Valle Inclán aínda non obtivo resposta ó mesmo.
Sen embargo, o Inspector Educativo accedeu a organizar unha reunión presencial con varios membros da Xunta Directiva, que tivo lugar esta mesma mañá no Edificio Administrativo de Monelos.
Nesta reunión explicou que o profesorado que ten o noso centro é o que corresponde por catálogo, é dicir, polo número de grupos de alumnado segundo a normativa da Consellería.
Considera que a falta de dispoñibilidade horaria do equipo docente débese á redución de horas lectivas que se aplica polo regulamento da Xunta de Galicia, que sen embargo non está acompañada dun incremento da plantilla, como sería preciso para dar a cobertura precisa ó alumnado.
Segundo recoñeceu, trátase dunha decisión política, non técnica e este problema é xeneralizado en todos os centros, non un problema illado.
Tamén o feito de que se envíe profesorado MEGA para cubrir titorías e non como persoal de reforzo e apoio educativo, a verdadeira función do programa MEGA, financiado pola unión Europea, e que está deseñado coa finalidade de “incrementar o nivel de competencias dos alumnos, personalizar o apoio educativo, mellorar a atención ás necesidades específicas, avanzar cara un ensino máis inclusivo e fortalecer a formación dos docentes” (fonte: https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/004825/roman-rodriguez-destaca-plan-mega-como-paso-gigante-hacia-educacion-del-futuro).
Explicou que dende a Consellería existe a instrución de non escolarización no noso colexio, é dicir, que non se acepte máis alumnado, dada a situación actual. Sen embargo, actualmente este punto non se está a cumprir e séguense a facer novas matrículas dende o inicio de curso ata o día de hoxe.
Segundo a súa opinión, que xa trasladou ó equipo directivo do CEIP, no noso colexio existen demasiados proxectos en marcha. Refírese á horta (Educación Infantil e 1º EP), ás prácticas en robótica e informática (3º e 4º EP), á sección bilingüe (1º e 2º EP) ou ás actividades extraescolares complementarias (todos os cursos).
Estamos falando de que os nosos fillos e fillas deberían renunciar a todas estas propostas, que o noso colexio sempre sacou adiante grazas á implicación do noso equipo docente e á oportunidade única que o Concello de Oleiros brinda a tódolos centros educativos do concello de contar con unha programación cultural e educativa de moitísima calidade e de forma gratuíta para os colexios, porque non hai profesorado que poida levalas a cabo.
Así pois, trátase de renunciar a proxectos didácticos de moitísimo interese, cando a Consellería acaba de investir 44.000 € na renovación dun espazo no colexio (mellora solicitada dende hai máis de seis anos) que actualmente non se pode utilizar porque non hai profesorado nin dispoñibilidade horaria para levar a cabo as actividades docentes previstas (fonte: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/015803/belen-campo-destaca-inversion-mas-44-000-que-que-permitido-habilitar-una-sala).
No mesmo sentido, tamén debemos conformarnos no que se refire á atención ao alumnado NEAE, que adoitaba facerse dentro da aula polas súas características especiais, e que agora mesmo, pola falta de profesorado, é preciso agrupar e sacar das súas aulas, coas consecuencias que isto ten para a integración e estigmatización destes alumnos, alén da falta de atención individualizada que pode ter graves consecuencias para as propias necesidades especiais.
Desta mesma forma, as familias usuarias dos centros públicos debemos asumir que a falta de profesorado para facer gardas poida ter repercusións para a correcta atención e vixilancia, e mesmo para a seguridade, dos nosos fillos e fillas, algo que nos centros concertados, financiados cos nosos impostos, non acontece dado que contan co persoal para atender ó alumnado en óptimas condicións.
Parece ser que a única solución que nos ofrecen é seguir reivindicando ós nosos dereitos a través de mobilizacións. Explicóusenos que os centros que máis protesten serán os que poidan conseguir algunha mellora, aínda que non sexan os que máis as necesiten. Esta afirmación deixa translucir a imaxe dunha xestión moi deficitaria e aleatoria da administración autonómica no que á inversión na educación pública se refire.
Trala reunión de hoxe, solicitaremos ó Director Territorial que nos reciba en persoa, dado que seguimos sen obter resposta ó escrito presentado por rexistro e aínda que xa é coñecedor da nosa situación.
Grazas a todos e todas os que participastes na mobilización de hoxe!
Continuaremos coa nosa loita ,POLO DEREITO A UN ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE!Xunta Directiva ANPA Valle Inclán