Manifesto "Marcha fúnebre polo ensino público" 26/10/2025
A ANPA Valle Inclán denuncia dende o inicio de curso a grave falta de profesorado que ameaza o correcto funcionamento do centro e provoca un déficit na calidade da formación que reciben os nosos fillos e fillas actualmente.
No noso colexio as gardas non están cubertas cun número suficiente de docentes, comprometendo a atención, vixilancia e seguridade das nosas crianzas.
O tempo adicado ó reforzo nas aulas do alumnado con necesidades especiais de atención educativa reduciuse notablemente para cada alumno.
Diminuíu o tempo destinado á coordinación dos equipos de dinamización da Biblioteca e da lingua galega ou de mellora da contorna.
A día de hoxe están paralizados varios proxectos pedagóxicos emblemáticos, como a horta escolar, as saídas didácticas ou a sección bilingüe, que grazas á implicación do profesorado e á enorme colaboración do Concello de Oleiros levan moitos anos en marcha no noso colexio e promoven un ensino integral para a cativada.
Dende que na asemblea de setembro se tomou a decisión de iniciar as protestas para visualizar a situación do noso colexio, levamos realizadas moitas accións.
Enviamos escritos á Xunta de Galicia, sen resposta ata o día de hoxe.
Tamén tentamos xuntarnos cos responsables directos destas restricións nas plantillas docentes.
A Inspección Educativa recibiunos pero non aportou ningunha solución para resolver as carencias, recoñecendo que a falta de profesorado nos centros públicos é un problema xeneralizado, debido a decisións políticas, con absoluta indiferenza.
Remitiunos ó Director Territorial da Consellería, que directamente non acepta reunirse con nós.
Co fin de dar impulso mediático e facer consciente a toda a cidadanía, organizamos concentracións tódolos luns diante da escola, con toda a comunidade educativa.
Organizamos tamén a “Andaina polo ensino público de calidade”, cun gran éxito de participación, que congregou a centos de persoas.
A repercusión mediática destas protestas foi mínima en comparación coa forza coa que todos nós defendemos o dereito a un ensino público de calidade para os nosos fillos e fillas.
Oxalá tódolos medios de comunicación fosen honestos e se centraran no que se espera deles: informar.
Asistimos a un pleno no Parlamento Galego, onde a deputada do BNG Cristina Fernández preguntou ó Conselleiro de Educación pola falta de profesorado no noso centro (e en tantos outros que están a denunciar moitas necesidades educativas sen cubrir). A resposta do Conselleiro foi que se trataba dun problema puntual.
Nós continuamos co noso problema puntual dende setembro, sen expectativa de solución.
Os deputados do PP negáronse a falar con nós, sabían que estabamos presentes no hemiciclo e non nos dirixiron nin a mirada… Novamente, absoluta indiferenza.
Seguimos constatando que para a Consellería os nosos fillos e fillas son unicamente números.
E para que os números e as contas da Consellería encaixen, as familias usuarias das escolas públicas estamos obrigadas a ver comprometida a seguridade e o cuidado da nosa cativada, debemos renunciar a proxectos didácticos cun valor engadido e ademais debemos descartar a inclusión e a atención á diversidade nas aulas.
Pero todos nós, todos os que estamos aquí, sabemos que o paso pola escola dos nosos fillos e fillas marcará a súa infancia e as súas vidas. Merecen ser atendidos con esmero, sen recortes!!
Grazas en nome da ANPA Valle Inclán a todos e todas vós por asistir e participar activamente hoxe para esixir o cese inmediato da vulneración dun dereito fundamental.
Grazas a tódalas familias, á veciñanza, ós docentes e equipos directivos, ós representantes das ANPAs dos colexios Luis Seoane, Rabadeira, Juana de Vega, dos institutos Neira Vilas e Miraflores, ós representantes da Federación de ANPAs, ós representantes de Alternativa dos Veciños, do BNG e do PSOE. E en especial ó Concello de Oleiros, que dende o inicio manifestou abertamente o seu apoio ás nosas reivindicacións.
Grazas por amosar esta unión para esixir unha escola pública inclusiva de calidade!!
Non estamos a defender só un colexio: estamos a loitar polo futuro dos nosos nenos e nenas.
Hoxe vestimos de negro simbolizando a dor e o desamparo que sufrimos, pero seguiremos loitando pola defensa e a mellora do ensino público, inclusivo e de calidade.
Neste centro faltan mestres!! Dereito á educación pública de calidade!!
NOTA. As concentracións dos luns no colexio desconvócanse. Xa estamos traballando para seguir facendo presión a través de novas mobilizacións conxuntas con toda a comunidade educativa. Permanecede atentos á web e redes sociais.