MANIFESTO DAS ANPAS E AFAS DOS CENTROS PÚBLICOS DE EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA DE OLEIROS PARA RECLAMAR UN ENSINO PÚBLICO INCLUSIVO E DE CALIDADE NOS COLEXIOS DE OLEIROS E DE TODA GALICIA
As familias de todos os centros públicos de educación infantil e primaria de Oleiros (CEIPs A Rabadeira, Isidro Parga Pondal, Juana de Vega, Luís Seoane e Valle Inclán) intervimos neste Pleno municipal para manifestar a nosa preocupación pola situación do ensino público en Galicia e para reclamar un cambio de rumbo nas políticas que dende hai anos se veñen aplicando dende a Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Pode considerarse un éxito que os representantes das familias dos cinco centros de ensino público do municipio se unan para manifestarse unanimemente, pero é sobre todo, unha mostra palpable de que a situación está a ser tan crítica que conseguiu aglutinar a todas as familias de Oleiros que apostaron polo ensino público nas primeiras etapas da vida escolar dos seus fillos e fillas.
Familias que creen nun ensino público inclusivo, que debería acoller en igualdade de condicións a nenos e nenas moi diferentes, con diferentes situacións socio-económicas, ou que proveñen de países culturalmente diversos ou que precisan apoio por algunha necesidade educativa específica; familias que apostan por un ensino público de calidade, dotado de profesorado suficiente, preparado e motivado, no que os recursos permitan facer desdobres ou programas de diversificación curricular e no que o alumnado reciba unha formación reglada axeitada e conforme ao currículo pero no que tamén se ensinen outras habilidades ou outros coñecementos igual de importantes, como a educación artística, a educación medioambiental ou a educación en valores ou no que se programen saídas formativas nas que os nenos e nenas aprendan a relacionarse nun entorno diferente.
Pero o que percibimos curso tras curso é que os nosos centros de ensino comezan a súa andadura reclamando titores, baixadas de ratio ou persoal de apoio para cubrir alomenos as necesidades educativas especiais recoñecidas; o que vemos ano tras ano son direccións e equipos de orientación desbordados e facendo mil e unha piruetas para cubrir alomenos o mínimo imprescindible para sacar o curso adiante. E moitas veces ata isto é imposible : a escaseza de profesorado, principalmente de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe, a falta de reforzos e a existencia de coidadores compartidos entre varios centros son as novas clásicas de cada inicio de curso.
E cal adoita ser a resposta dos máximos responsables da educación en Galicia? Que as dotacións cumpren coa normativa e cun catálogo aprobado hai unha morea de anos, nun contexto moi diferente do actual, no que o alumnado con necesidades educativas especiais crece a un ritmo vertixinoso e onde a carga horaria dos mestres se reduce pero mantendo a mesma carga lectiva e o mesmo número de docentes, o que implica unha falta de profesorado para cubrir gardas ou a imposibilidade de liberar horas para adicarse a programas educativos.
Porque lexislar dende un despacho é moi sinxelo cando no papel parecen que dan os números pero os nosos nenos e nenas non son unha simple cifra; cada neno e nena precisa contar cun mestre que lle explique, que lle corrixa, que o motive, que o reforce; e os mestres tampouco son números, son persoas que cada día están máis desbordadas para cumplir como mínimo co curriculum. Como van a participar por exemplo, nas actividades complementarias que ofrece o Concello de Oleiros ou nos programas que paradoxicamente ofrece a Xunta, programas por certo extraordinariamente dotados con inxentes cantidades de cartos, e que moitas veces se estragan porque non se poden levar a cabo?
As ANPAS de Oleiros podemos entender que as normativas se queden obsoletas e que os cambios conlevan uns tempos pero o que non podemos admitir e a negación, a indiferencia e a falta de consideración que ano tras ano vimos recibindo por parte dos máximos responsables da educación en Galicia. Tendemos a man para contribuír a que a situación mude, pero xa non podemos esperar máis; o deterioro é patente e ano tras ano vai a máis e o mesmo que o vemos as familias, que só somos expertas en loitar polas mellores ou alomenos as mesmas oportunidades para os nosos fillos e fillas, como non o van a ver os técnicos e os políticos que cobran un salario por regular e organizar o ensino público que todos e todas financiamos cos nosos impostos.
E isto é o que estamos a pedir aquí hoxe, que se aporten por quen é competente e responsable, os recursos mínimos necesarios para garantir que os centros públicos de educación infantil e primaria de Oleiros poidan realizar o seu traballo con normalidade e cumplindo cos estándares mínimos de calidade e de inclusión que a Lei contempla.
O que hoxe aquí reclamamos é un ensino público axeitadamente dotado, inclusivo e de calidade ao que temos dereito e que polo tanto debemos esixir, porque só cun ensino público inclusivo e de calidade, poderemos acadar a igualdade de oportunidades para os nosos fillos e fillas.
ANPAS dos CEIP de Oleiros
Entidades participantes:
- ANPA Valle Inclán ( CEIP Ramón María del Valle Inclán, Perillo)
- AFA Nós ( CEIP Juan de Vega, Nós)
- ANPA CEIP Luis Seoane ( CEIP Luis Seoane, Mera)
- ANPA Ensino CEIP Rabadeira ( CEIP Rabadeira, Oleiros)
- ANPA Bidueiro CEIP Isidro Parga Pondal ( CEIP Isidro Parga Pondal, Sta. Cruz)