🧡 Día da Infancia: a voz das familias, do profesorado e do alumnado nas escolas de Oleiros

Hoxe 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, as comunidades educativas de tódolos CEIP de Oleiros adiantamos os espertadores para xuntarnos diante dos nosos coles antes de empezar as clases.
Vestidos de negro, gardamos un minuto de silencio polo desamparo que sufre o ensino público. Un acto simbólico, pero que amosa a verdadeira realidade: a unión de toda a comunidade fronte á vulneración dun dereito fundamental, e para lembrar que a educación pública é un dereito básico que debe ser protexido e reforzado.
Durante a xornada compartiuse nos colexios un manifesto que resaltou tres mensaxes claras:
🔸 Faltan profesorado e recursos, e isto está a afectar ao alumnado.
🔸 A inclusión real precisa medios suficientes.
🔸A educación ten que ser segura, acompañada e de calidade.
Un manifesto que representa o sentir común das familias de Oleiros.
Nin o frío nin a choiva de novembro poden calar a nosa voz para loitar pola nosa cativada. Tampouco a falta de respostas ás nosas peticións por parte da Xunta de Galicia, nin a súa indiferenza fronte á realidade dos nosos colexios, nos que estamos a perder calidade educativa pola xestión arbitraria dos recursos por parte dos responsables autonómicos.
Nas cinco concentracións, simultáneas e convocadas conxuntamente polas ANPAS/AFA do municipio, co apoio do Concello de Oleiros, estiveron presentes un bo número de familias, profesorado e persoal dos cinco colexios. Tamén a veciñanza. Ademais, a cada centro asistiron concelleiros e representantes do Concello de Oleiros, así como representantes de distintos grupos políticos do municipio.
🤝 Grazas por estar aí
A ANPA Valle Inclán quere agradecer ás demais ANPAS, ó Concello de Oleiros, ás familias, ó persoal docente e non docente e a tódalas persoas que asistiron hoxe ás concentracións a súa participación nesta xornada tan significativa.
Seguiremos traballando, como comunidade educativa unida, para defender unha escola pública digna, inclusiva e de calidade para todas as crianzas.
Xunta Directiva ANPA Valle Inclán
______________________________________________________________
Algúns titulares sobre a xornada de hoxe nos medios de información:
______________________________________________________________
MANIFESTO 20N Día de loito nos colexios de Oleiros
Hoxe, 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, reunímonos diante do noso colexio para lembrar que a educación pública é un dereito fundamental e que debe ser protexida.
As familias do CEIP Valle Inclán, xunto co resto das ANPAS de Oleiros e co apoio do Concello, queremos facer visible o profundo desamparo que están a sufrir as escolas do noso municipio. A falta de profesorado, a redución de recursos e a supresión de proxectos esenciais están a poñer en risco a calidade educativa que os nosos nenos e nenas merecen.
Hoxe vestimos de negro e gardamos este minuto de silencio para expresar, de maneira unida e pacífica, que non imos renunciar a unha escola pública digna, inclusiva e de calidade.
Non defendemos só o noso centro: defendemos o futuro de toda a infancia de Oleiros.Grazas por estar aquí, por sumar e por non calar ante unha situación que nos afecta a todos.
ANPAs dos CEIPs de Oleiros
______________________________________________________________
Entidades participantes:
- ANPA Valle Inclán (concentración diante do CEIP Ramón María del Valle Inclán, Perillo)
- AFA Nós (concentración diante do CEIP Juan de Vega, Nós)
- ANPA CEIP Luis Seoane (concentración diante do CEIP Luis Seoane, Mera)
- ANPA Ensino CEIP Rabadeira (concentración diante do CEIP Rabadeira, Oleiros)
- ANPA Bidueiro CEIP Isidro Parga Pondal (concentración diante do CEIP Isidro Parga Pondal, Sta. Cruz)
- Concello de Oleiros