Skip to main content
  • NOVAS
  • Quenes somos
    • Estatutos
    • O noso logo
    • Asembleas
      • Formulario para representación na asemblea
    • Memorias e programacións
    • O noso colexio
    • Consello Escolar
    • Comisións e grupos de traballo
    • Donazóns e patrocinios
  • FAITE FAMILIA SOCIA
  • Servizos
    • Mañanceiros, comedor e cambiadores
    • Menús comedor escolar
    • Actividades extraescolares
    • Banco de libros da ANPA
    • Formularios
  • Contacto
  • AVISO LEGAL
  • PROTECCIÓN DE DATOS
  • ENQUISA

En resposta á información publicada en La Voz de Galicia o 12 de novembro de 2025

November 14, 2025 at 11:08 pm, No comments

FAKE_NEWS__OU_NON.jpgA ANPA do CEIP Valle Inclán quere manifestar a súa sorpresa —e certa perplexidade— ao ler en La Voz de Galicia que "a Xunta non vai reforzar o seu cadro docente, como reclaman os pais do alumnado". Perplexidade, si, porque semella que a Consellería de Ensino responde antes á prensa que ás familias e ao propio centro.

Cómpre lembrar que que nin o CEIP nin a ANPA recibiron resposta oficial ningunha ao escrito rexistrado o 19 de setembro de 2025 perante a Xefatura Territorial da Consellería de Ensino. A día de hoxe seguimos á espera desa resposta, polo que a información publicada polo xornal podería non ser exacta. Segundo a nova, o Valle Inclán “gaña terreo alleo” e mesmo recibe un “reforzo de dous docentes máis”. Debe de ser que vivimos nunha realidade paralela, porque no colexio non atopamos o reforzo. O que si atopamos, contados un por un, son 1,5 docentes menos ca o curso pasado. Igual é que marcharon a ese terreo novo e non nos deron aviso.

Cómpre subliñar ademais, que o reforzo do cadro docente non é só unha demanda das familias: é tamén unha solicitude formal da Dirección do centro, do Consello Escolar e do propio Concello de Oleiros.

E, por suposto, non imos descartar que todo isto sexa apenas un problema de espazo… no xornal. A nova aparecía confinada nunha columniña mínima en La Voz, así que igual o xornalista tivo que recortar tanto, tanto, que só puido incluír un anaco do comunicado oficial que —imaxinamos— a Consellería de Ensino lle enviou antes ca nós.

Seguro que no texto completo, ese que está a piques de chegar ao CEIP e á ANPA, explícase que, aínda que o centro perda 1,5 docentes respecto ao curso pasado, desde a Xunta van garantir que non se xunten aulas enteiras nin se supriman días lectivos por un par de baixas imprevistas; que se manterán todos os proxectos didácticos anteriores—mesmo mellorados— e que, xa que logo, as nosas crianzas estarán igual ou mellor ca nós na escola nos anos 80 e 90, que polo menos tiñamos unha excursión ao ano para airear a cabeza.

Porque a realidade hoxe, curso 2025–26, é teimuda coma ela soa: menos horas de biblioteca ca nunca, sen tardes abertas para estudar coas crianzas, sen sección bilingüe, sen informática, sen robótica, sen excursións e cun horto escolar reducido á etapa de infantil.

Dito isto, seguimos á espera —con infinita paciencia galega— da resposta oficial que, confiamos, chegará máis completa ca columna do xornal.

Os pais e nais do colexio seguiremos facendo o que nos corresponde: defender unha educación pública de calidade, reclamar rigor nas informacións e pedir, con toda a retranca posible, que se deixe de gobernar a golpe de titular e se empece a facelo a golpe de responsabilidade.

Porque ao final, o importante non é o que se publica, senón o que realmente pasa nas aulas e quen paga as consecuencias.


ANPA CEIP Valle Inclán
Oleiros,
14 novembro de 2025

A nova: El Valle-Inclán de Perillo gana un terreno anexo al colegio, pero no más profesores


No comments

Leave a reply







Recent Posts

  • A situación do noso CEIP novamente no Parlamento de Galicia
    16 Nov, 2025
  • En resposta á información publicada en La Voz de Galicia o 12 de novembro de 2025
    14 Nov, 2025
  • A cativada creará un bosque autóctono na finca anexa ó colexio cedida polo Concello de Oleiros
    7 Nov, 2025
  • Seguimos demandando máis profesorado no noso colexio
    30 Oct, 2025
  • Manifesto "Marcha fúnebre polo ensino público" 26/10/2025
    26 Oct, 2025
  • ÉXITO DA MARCHA FÚNEBRE POLO ENSINO PÚBLICO
    26 Oct, 2025
  • 🕯🕯🕯 MARCHA FÚNEBRE POLO ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE 💀 domingo 26 de outubro
    21 Oct, 2025

Created with Mozello - the world's easiest to use website builder.

Create your website or online store with Mozello

Quickly, easily, without programming.

Report abuse Learn more