Seguimos demandando máis profesorado no noso colexio
Estimadas familias
Na reunión celebrada o día 16 de outubro entre o Alcalde de Oleiros, a Concelleira de Ensino e membros da ANPA Valle Inclán e doutras ANPAs, dada a grave falta de profesorado e as consecuencias que está a ter na calidade do ensino no noso colexio actualmente, propúxose, entre outras medidas, a idea de realizar mobilizacións simultáneas nos centros educativos de Oleiros para denunciar estas carencias, contando coa participación do claustro e o alumnado.
Queremos informar pola presente que tras enviar ó claustro de mestres e mestras do CEIP Ramón Maria del Valle Inclán a devandita proposta de acción reivindicativa conxunta (achegamos documento AQUI), no consello escolar celebrado onte 29/10/2025 o Equipo Directivo do CEIP trasladou que o claustro de mestres e mestras do colexio non está disposto a participar nelas. Alegan a existencia dunha orde da Consellería dende inicio de curso de neutralidade ideolóxica.
Tampouco formularon ningunha mobilización alternativa que inclúa ó profesorado e instan a que sexan as familias e a cativada as que sigan facendo as protestas no exterior do centro.
Entrementres, a ANPA Valle Inclán non está disposta a renunciar a un ensino público de calidade para os nosos fillas e fillas e sigue traballando para dar visibilidade á situación de precariedade no colexio e esixir ós responsables dela que cese esta vulneración do dereito a unha educación pública digna.
Xa estamos a deseñar novas accións reivindicativas.
Aínda seguimos sen contestación por escrito ás peticións feitas ante a Inspección Educativa e a Dirección Xeral da Consellería.
Tamén estamos agardando a resposta do goberno da Xunta de Galicia ás preguntas rexistradas no Parlamento de Galicia ó respecto da situación no CEIP Valle Inclán.
Permanecede atentos nos próximos días, haberá novas.
Grazas pola vosa colaboración e implicación.
Feliz ponte!
Xunta Directiva ANPA Valle Inclán