Ruta familiar Concello de Oleiros «Andares por Galicia»
April 10, 2024 at 9:05 pm
O Concello organiza unha ruta familiar Ponteceso-Praia de Balarés e museo MELGA incluída no programa "Andares por Galicia".
Sábado 20 de abril
Inscricións: a partir do martes 9 de abril na Sede Electrónica
Web municipal e cultura@oleiros.org
O vindeiro sábado 20 de abril terá lugar unha nova ruta do programa Andares por Galicia, a cultura da natureza, organizado polo Concello de Oleiros, coa ruta de PONTECESO-PRAIA DE BALARÉS E MUSEO DO MELGA.
Nesta ocasión trátase dunha ruta familiar, dirixida a familias, na que poderán participar menores que como mínimo cumpran 6 anos no ano da actividade, acompañados/as de pai, a nai ou titor/a legal.
Deberán inscribirse, como mínimo, un/unha menor máis un/unha proxenitor/a ou titor/a. Poderán participar fillos/as maiores de idade. No caso de quedar prazas vacantes o Concello resérvase o dereito de valorar a participación doutras persoas vinculadas á familia participante:
- As preinscricións das persoas adultas realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do martes 9 de abril ás 10.00 horas.
- No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas.
- Posteriormente se enviará un formulario de recollida de datos dos/as menores participantes.
- Ocuparanse as prazas por rigorosa orde de solicitude e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
A saída contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas, cun prezo de 23,00 euros para persoas maiores de idade e 6,00 euros para as menores.
Entre os lugares e puntos de interese que se visitarán durante a ruta de 5,5 km e dificultade baixa sinálanse o río Anllóns e vila de Ponteceso, a casa de Eduardo Pondal (non se visita), observación das aves no Esteiro de Anllóns, o ZEC Costa da Morte (Rede Natura 2000), o Piñeiral de Balarés (área de lecer) ou o miradoiro do Alto das Travesas. Para rematar realizarase unha visita cultural ao MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia) ou á olaría de Aparicio (Buño).
Máis info e inscricións https://www.oleiros.org/