Charla- Obradoiro: Cómo promover un uso seguro e saudable da tecnoloxía na infancia e adolescencia
Dende un grupo de ANPAs dos centros de ensino, e en colaboración co Concello de Oleiros, temos o pracer de presentar a charla-obradoiro para toda a comunidade educativa:
Cómo promover un uso seguro e saudable da Tecnoloxía na infancia e adolescencia
Xoves 21 marzo-18:00
Auditorio As Torres (Santa Cruz)
(Agradecemos cubrir formulario para aforo https://forms.gle/ZuWRzBhhTcMueQU18)
O uso temperá das denominadas TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación), adoita traer consigo problemas a nivel emocional e de convivencia, especialmente nun período vital tan crítico como é a infancia e adolescencia. Tal e como veñen advertindo organismos como a OMS, a UNESCO ou UNICEF, o uso intensivo e sen supervisión das redes sociais ou dos videoxogos pode derivar en maiores taxas de ansiedade e depresión, hábitos de vida menos saudables, un aumento do acoso escolar e o ciberacoso, violencia filioparental ou mesmo dar lugar a novas formas de adicción. Desgraciadamente a evidencia científica non leva a que sexamos neutrais neste punto. A tecnoloxía non é inocua na infancia e na adolescencia. Cando implica novos patróns de interacción e novas maneiras de relacionarse co mundo (a miudo tóxicas e superficiais), novos modelos aspiracionais e novas formas de entender a vida, pode chegar a converterse nun serio problema de saúde pública. A tiranía do selfie e o imperio de Instagram, o boom dos gamers, youtubers e influencers amósannos unha nova xeración de mozas e mozos sorpresivamente menos felices, con máis dificultades para relacionarse, para aceptarse a sí mesmas e mesmo para adquirir valores ou competencias básicas sobre as que construirse como persoas. A sociedade está mudando e as familias tamén, non sempre na dirección axeitada. Adquirir conciencia crítica e tomar partido é unha tarefa obrigada. Afastado por igual de alarmismos e de “buenismos” e con un enfoque responsable e pragmático, na conferencia do vindeiro xoves 21 de marzo o profesor Rial Boubeta exporá datos reveladores a este respecto. Convidaranos a todas e a todos a reflexionar como comunidade, plantexaranos moitas preguntas e algunhas posibles solucións.
Antonio Rial Boubeta é doutor en Psicoloxía Social e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Autor de mais de 140 artigos en revistas científicas de impacto internacional e director de 21 teses de doutoramento, foi responsable de numerosos proxectos de investigación do eido da mocidade e as adiccións, dende o Uso problemático de Internet, as redes sociais o ciberbullying, ao consumo de alcohol e sustancias. É membro do Alto Comisionado da UNESCO para a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso a nivel mundial. Dirixíu o Estudio sobre el impacto de la Tecnología en la adolescencia, levado a cabo por UNICEF-España cunha mostra de máis de 50.000 estudantes de secundaria, que é a día de hoxe un dos traballos científicos de maior envergadura feitos en Europa sobre o tema. O curso pasado dirixíu tamén o estudo Adolescencia, Tecnoloxía, Saúde e Convivencia, da man da Fundación Barrié, na que participaron 10.000 adolescentes galegos. Ten publicado os seus traballos nalgunhas das mellores revistas internacionais do eido da adolescencia, a saúde mental e as adiccións, como Psychiatry Research, Addictive Behaviors, Journal of Gambling Studies, Computers in Human Behavior ou Cyberpsyhology. Colabora dende fai anos con centros de investigación de referencia internacional, como o Center for Adolescent Behavioral Health Research (da Universidade de Harvard), o Cognitive and Affective Regulation Laboratory (da Universidad de Lausanne) ou o DCU Anti-Bullying Centre (de Irlanda). É tamén colaborador habitual de diferentes medios de comunicación, tanto prensa, como radio e TV. En 2022 foi galardoado coa Nécora de Ouro pola Fundación Galega contra o Narcotráfico, polo seu labor na prevención das adiccións na mocidade, e en 2023 co Premio Iacobus da Educación, ano no que tamén foi distinguido como Colexiado do Ano, polo Colexio Oficial da Psicoloxía de Galicia.