Acordos da asemblea ordinaria do 22 de novembro de 2021
Resumo dos acordos acadados na asemblea ordinaria da ANPA Valle Inclán do 22 de novembro de 2021 (acta aprobada na asemblea extraordinaria do 8 de abril de 2022)
Emprazamento: Sala de usos múltiples do Edificio Infantil - Primeiro Ciclo de Primaria do CEIP Ramón María del Valle Inclán
Asistentes: 49 nais e pais.
Hora de inicio: 18:25 h.
Hora de finalización: 20:08 h.
Antes do inicio da sesión, o novo equipo directivo do CEIP Ramón María del Valle Inclán, formado por Carmen Campo Fernández (directora), María Bandín Lamas (xefa de estudios) e María Fernández Porto (secretaria), preséntase na asemblea de socios, para mostrar a súa intención de colaborar coa ANPA sempre que sexa preciso. Fan unha chamada de atención con respecto á aparición de pancartas colgadas días atrás no centro escolar, xusto tralo anuncio da convocatoria desta asemblea. Pediron ós presentes que os asuntos a debater na asociación hanse de tratar a través das canles axeitadas, remarcando que non deben transcender provocando molestias ó resto da comunidade educativa.
ACORDOS
- Aprobación da acta da asemblea do 1 de setembro 2021 (punto 1 da orde do día).
- As contas do exercicio 2021, ata outubro, quedan aprobadas (punto 2 da orde do día).
- Presidencia e secretaría quedan vacantes na Xunta directiva da ANPA. Anúnciase a apertura de candidaturas para ocupar os cargos dispoñibles. Non aparecen persoas voluntarias, polo que quedan abertas as candidaturas á espera de novas incorporacións (punto 3 da orde do día).
- Proponse un novo servizo de xestión integral de comedor a través da empresa especializada Jardanay. Búscase profesionalizar os servizos, eliminando intermediarios e que a comunicación sexa directa entre as familias e a empresa, para unha mellor atención do alumnado. Deste xeito, conseguiríase ademais unha baixada substancial na cota de comedor para as familias, sen diminuír en ningún caso a calidade, tan só o modelo de xestión.
Tras someterse a votación, gaña por maioría non contratar a xestión integral, sendo o resultado 23 a favor, 24 en contra e 4 abstencións (punto 5 da orde do día).
- A causa do vencemento do contrato con ADC As Mariñas, amósanse tres presupostos de empresas susceptibles de asumir o servizo de extraescolares. Ademais de novos prezos, plantéxase unha renovación das actividades.
Tras someterse a votación, decídese seguir coa xestión actual, sendo o resultado 19 votos para ACD As Mariñas, 13 votos para Serocio e 0 votos para Move. Houbo 9 abstencións (punto 6 da orde do día).
- Dada a delicada situación do CEIP con respecto ós recortes de profesorado de PT e AL, neste curso a ANPA mobilizouse a través de distintas vías para chamar a atención da opinión pública e concienciar (mediante concentracións, notas de prensa, etc.) e tamén a través da vía administrativa, enviando oficios por rexistro oficial dirixidos á Inspección Educativa e á Xefatura Territorial da Consellería Cultura, Educación e Universidade, así como iniciando un expediente de queixa ante a Valedora do Pobo de Galicia (alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades que supervisa de oficio ou mediante denuncia a actividade da Administración da Comunidade Autónoma galega).
Decídese continuar coas reivindicacións, iniciando unha campaña antes do Nadal, animando ás familias a que escriban cartas dirixidas ós Reis Magos nas que se pida como desexo para o novo ano a dotación destes profesionais, para despois remitir todas esas postais á Xunta de Galicia (punto 7 da orde do día).
Proponse ademais recoller firmas para enviar un novo escrito á Consellería.
Recórdase ás familias socias que se queren revisar as actas completas aprobadas están a súa disposición na oficina da ANPA, previa cita.
En Perillo a 8 de abril de 2022
Xunta Directiva ANPA Valle Inclán